sábado, junio 18, 2022

DE VIAXE Á MARIÑA LUCENSE

 

 O Ateneo, na súa liña de propiciar comunidades viaxeiras, ofreceunos a posibilidade de viaxar desta vez polo norte galaico no entorno de Viveiro. Os e as ateneistas composteláns somos xente maior y con moitas ganas de bulla, así que é recibir unha nova proposta e lanzarse todos a chegar os primeiros antes de que se completen as vagas. Hainos especialistas que son coma as virxes prudentes, sempre vixiantes ao que trae o whatsapp para darlle enseguida ao click.

E a verdade é que se pasa ben. Acaban formándose grupos heteroxéneos en torno a algúns máis estables (os máis atentos e competentes na cousa dixital) que se lles nota que desfrutan de viaxar, estar xuntos e falar. E, desde logo, desfrutan de aprender cousas novas e/ou recuperar experiencias antigas. Iso que agora os nosos fillos chaman refrescar os coñecementos e sensacións. 

Partimos cedo, tiñamos combinado facelo ás 8:30, pero xa avisaran de véspera que tiñamos que adiantalo ás oito da mañá porque desta volta a viaxe era longa. Polo visto non se precisaba o aviso, nós chegamos 15 minutos antes pensando que seríamos os primeiros y resultou que xa estaban todos alí, en perfecto estado de revista. Saúdos e abrazos, coas dúbidas sobre as regras pandémicas, e todos/as aos seus postos para saír con puntualidade xermánica.

 

A primeira parada foi no “Rei das tartas” de Mondoñedo porque, aínda que maiores, estamos afeitos ao noso cafeciño mañanceiro. Ninguén tomou tarta, por suposto, porque unha cousa é o pecadiño do café e outra ben máis grave o chute de calorías das tartas mindonienses. Recuperada a enerxía e desentumecidos os músculos, seguimos a nosa viaxe ata a primeira parada cultural que pudemos desfrutar da man de Carmen, a nosa erudita e paciente experta de cabeceira: San Martiño de Mondoñedo, a preciosa igrexa basílica situada nun lugar inesperado e que mereceu o recoñecemento como Ben de Interese Cultural no 1931. Románica nos seus inicios (S.IX) foi despois modificada en etapas sucesivas, sendo as máis chamativas desas modificacións as tres ábsidas semicirculares (S.XI) e a incorporación deses enormes contrafortes  que lle dan una sensación de gran poderío e firmeza (S. XVIII). Alí exerceu o seu episcopado San Gonzalo, de quen se conta que nun momento de seca grave tirou a súa sandalia ao chan e alí emanou una fonte de auga milagrosa que aínda seguen indo a buscar.

Aos pouquiños, nese andar preguiceiro que acostuma ser o característico das persoas faladoras e curiosas de última hora, fomos capaces de tomar a primeira foto de grupo e retornar ao bus para a seguinte visita: a fábrica de porcelana de Sargadelos. Falar de Sargadelos para os galegos é recuperar unha parte importante das nosas experiencias estéticas nos comedores e aparadores familiares. O lugar está cargado de historia e significado: dende o hidalgo asturiano que se namorou do lugar e do caolín da zona, creou a primeira fundición e tivo que fugir por pernas antes de que os seus obreiros o amazaran, ata o benquerido Isaac Días Pardo que foi quen de recrear desde as cinzas a nova factoría de Sargadelos e darlle ese toque artístico e cultural co que chegou aos nosos días. Fixemos un percorrido interesante polos interiores da fábrica, mesmo que levados un pouco ao trote que marcaba o noso acelerado guía. Sen saírse das liñas marcadas no chan, coma nun daqueles cadernos de ortografía de Rubio, recorremos a planta observando como a mozas artesáns facían o seu coidadoso traballo. Daba gusto velas tan concentradas e perfeccionistas no seu quefacer. E abrumaba pensar nelas facendo xustamente a mesma liña ou os mesmos xestos durante todo o día e tódolos días. Ao final foi unha visita estupenda e resultou moi estimulante comprobar a beleza das pezas que xurdían das mans coidadosas daquelas rapazas (e da capacidade artística de quen as imaxinou, dende logo). E que dicir do fantástico poder dos fornos de lume para conseguir texturas perfectas e dar brillo e raso ás cores.

Continuamos a visita pasando ao museo e facendo un percorrido longo e apresurado por la moita historia que repousa neste lugar. Personaxes, documentos, fotografías, gráficos, textos, produtos elaborados e, incluso, clientes aos que Sargadelos serve. Toda unha homenaxe a esa gran iniciativa industrial, cultural e artística que foi e segue a ser Sargadelos.  

Fixemos o xantar no propio complexo e continuamos a nosa peregrinación. A idade dos ateneistas presentes e o momento do día fixo prevalecer a idea de voltar ao autobús en lugar de camiñar polo paseo dos namorados.  O autobús é, sen dúbida, un ecosistema más adecuado para esa cabezadiña post-meridien tan necesaria para afrontar a tarde coa mente clara. E así, entre ollos pechados e respiracións profundas, chegamos renovados a Viveiro para tomar posesión do noso cuarto no hotel Urban (magnífico, por certo) e continuar a visita pola cidade viveriense.

Coa tarde xa avanzada saímos do hotel co noso guía para percorrer as rúas e monumentos da cidade. Viveiro é un posto interesante da mariña lucense, con moitos elementos arquitectónicos que dan testemuña da súa importancia estratéxica no desenvolvemento da comarca. Da man do noso guía fomos camiñando e desfrutando dos elementos turísticos da cidade. Iniciamos o paseo cultural pola ribeira do río Landro que sen ser un gran río (nace e morre en Viveiro percorrendo tan só 42 Kms.), acaba nunha fermosa ensenada na ría, cruzada pola Ponte da Misericordia. Chegamos enseguida á porta de Carlos V, unha das tres portas que restan das cinco que tiña a muralla que rodeaba Viveiro. A porta, cun arco de medio punto e características platerescas, foi obra do redundante Pedro Pedroso, que da a benvida a quen chega á cidade. Na súa orixe foi unha homenaxe ao Emperador porque perdoara os tributos á cidade tras un incendio na vila. Despois tamén serviu para pechar a entrada na cidade ás tropas napoleónicas. Recorremos con ollos ávidos algunhas rúas do casco histórico pasando polos restos de muralla, o mercado, a rúa dos viños y así ata chegaren á Igrexa de Sta. María de Viveiro, de estilo románico e a máis antiga da cidade (posiblemente do S. XII). Moi interesante a súa grande ábsida, as columnas interiores que a dividen nas habituais tres naves y o grande rosetón da fachada.

Visitamos, tamén, o convento de S. Francisco, fermosa construción con portada románica, ábsida gótica e una inesperada galería de cadeiras no coro. No seu claustro puidemos admirar os fermosos pasos cuaresmais da cidade, orgullo dos viveirenses que os coidan e exhiben desde nas procesións de Semana Santa que polo visto comezaron no século XIII.  

 E trala parte cultural da vila, novamente no bus (as nosas enerxías non estaban xa para xestos heroicos como subir a pé) achegámonos ao Miradoiro de San Roque (353 m. de altura). A vista sobre Viveiro e a desembocadura do Landro é impresionante. Non é raro que o concello teña convertido aquel elevado entorno nun espazo de lecer e convivencia para os viverienses.

E aquí acabou a parte oficial da primeira xornada do nosa excursión. Postos xa na noitiña, as líderes do grupo tocaron a romper filas e déronos noite libre para que cada quen organizara a cea ao seu gusto. Como era xoves moitos apuntámonos ao juepeo (“el tapeo del jueves”) que non é outra cousa que coa bebida danche unha tapa máis contundente do habitual. E certo que eran tapas boas: saboreamos unha fermosa hamburguesa na primeira ronda e unha mixtura de ovo, pataquiñas e raxo na segunda. Foi suficiente. Outros preferiron opcións máis clásicas e supoño que lles foi igual de ben.

E a todas estas xa eran as 23 e pico, boa hora para volver ao hotel. E aí acabou o día.

O segundo día foi moito máis movido e peregrino. Comezamos por unha visita ao porto do Barqueiro, una singular vila de pescadores que perdeu parte do seu brillo pero non deixa de ser un lugar fermoso. Despois, seguimos ata a Estaca de Bares, aquel cabo que formou parte das leccións da nosa infancia como a parte máis ao oeste do país e punto de unión de mares, entre o Cantábrico e o Atlántico.  Moi festiva foi a chegada aos Cantís de Loiba, onde atópase o banco máis bonito do mundo e non só porque, efectivamente, a situación do banco é espectacular, senón porque coincidimos no lugar cun grupo de moteiros con ganas de festa e que inmediatamente conectaron coas ganas de festa da xente máis nova e animosa do Ateneo. Multiplicáronse as fotos, as bromas, as risas, as insinuacións. Foi un rato divertido e de desfrute tanto da natureza como da convivencia.

 Xantamos nun lugar indefinido de Cariño (O chiringuito de S.  Xiao), pero que estivo moi ben. O espazo era reducido pero a comida resultou abundante e apropiada ao contexto: berberechos, mexillóns, raia... Da comida, continuamos ata Cabo Ortegal (os/as máis ousados a pé) para admirar as súas rochas picudas e impresionantes. A natureza era fermosa e admirable, pero como adoita suceder, o espectáculo que acaparou a atención dos presentes na zona foi a figura dun tipo subido no cumio dun dos picos rochosos. As cuestións que acaparaban as conversas era como tería feito para subir ata alí y como faría para baixar; se estaría só o tería axuda, se.. A distancia e a posición do home non deixaba distinguir ben os seus movementos, pero ninguén quería marchar ata ver o que facía o arriscado escalador. Ao final, concluímos, que o barquiño que se aproximaba á rocha era o apoio con que contaba o deportista y que ascendeu ao pico nunha cordada desde a base e que iso mesmo faría para  baixar.

A seguinte meta estaba situada na Serra da Capelada e alí fomos. Recibiunos un mar de aeroxeneradores mecánicos (con ese rumor sordo e constante que marea) e cabalos libres (e xa rapados, alomenos aqueles máis visíbeis). A vista foi novamente impresionante. E trala Capelada puxemos dirección cara a San Andrés de Teixido, punto final e de peche da excursión. Mesmo se fora certo aquelo de que alí “vai de morto quen non foi de vivo”, iso afectaba a poucos dos presentes que xa teñamos ido en moitas ocasións. Despois de dous días de viaxe e bullicio (e sen sesta) os ánimos tampouco sobraban. Así que a visita foi bastante parsimoniosa e cansina. Poucos se animaron a chegar á fonte da fertilidade  (tampouco e que a precisaramos) e algúns renunciaron xa a avanzar máis aló do primeiro banco no que sentarse e repousar. Seguramente porque a unha certa idade, un faise absolutamente consciente de que todo o que andes cara abaixo tes, despois, que subilo.

Y aí concluíron os dous días de vacación e descanso (ja!) pola Mariña lucense. Foi unha experiencia na que cada novo paso significaba chegar a un novo superlativo: os riscos máis cortantes, o cabo máis occidental, o banco máis bello do mundo, os eucaliptos mais altos, o románico máis antigo, la maior iniciativa artística e cultural de Galicia. Moito ten que agradecer Galicia a esta Mariña lucense!

E máis nada. Outro tempo de bus de regreso a casa (sen que faltaran, as agachadas, algunhas cabezadiñas). Chegamos á hora prevista, ben entradas as 9 da noite e tralos adeuses pertinentes, cada curuxa volveu á súa oliveira.

 

No hay comentarios: